Malpica pon en marcha unha campaña de trampeo da velutina

Imagen de una avispa velutina

O Concello de Malpica anticipa a campaña de trampeo da avispa velutina debido a que tamén se adiantou a aparición das primeiras raíñas da tempada. En colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil a campaña é aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga, á vez que inician a colocación de trampas en zonas axardinadas, nas que abundan as árbores que exercen maior atracción sobre as avispas asiáticas, como camelias ou rododendros, pero tamén nas proximidades de edificios e espazos públicos como centros escolares ou parques infantís.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atrainte que deberán colocar canto antes en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avispa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de lembrar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga, e membros de Protección Civil. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar, faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.