Malpica prepara un novo programa de envellecemento activo


A Concellería de Servizos Sociais prepara un ano máis formación, lecer, estimulación e educación nun programa de actividades que contribúa a potenciar a autonomía das persoas maiores na súa vida diaria, ademais de favorecer a súa inserción social e evitar o illamento a través do fortalecemento das relacións sociais e a participación.

Por iso do 25 de febreiro ao 4 de abril desenvolverase un programa de envellecemento activo que incluirá actividades de psicomotricidade, música e movemento, pilates, cociña, termalismo, concursos, técnicas de decoración con estaño, xogos e baile. En definitiva, unha serie de propostas que favorecen a participación activa dos/as maiores dunha maneira dinámica e lúdica.

Desde a área que dirixe Marisol Blanco preténdese previr a deterioración cognitiva a través de exercicios prácticos, favorecendo así a autonomía persoal; ofrecer estratexias para un envellecemento feliz, para a mellora das relacións persoais e sociais de maneira que se optimicen as relacións das persoas participantes no taller coa súa contorna; aprender novas formas de comunicación e participación a través das TIC’s, previr a deterioración física e ensinar unha serie de exercicios sinxelos para o mantemento físico que as persoas participantes poidan reproducir con facilidade no seu fogar, realizar pequenos traballos manuais cos que estimular e mellorar a coordinación motora fina, fomentar o consumo saudable ou dar a coñecer os beneficios da lectura para manter a mente activa, entre outros.