Un ano máis o concello de Malpica vestirá as súas mellores galas para as súas xa tradicionais Festas do Mar, que se celebrarán durante esta fin de semana, desde o venres 23 ata o domingo 25.
Á espectacular procesión marítima únense grandes actuacións musicais como El Combo Dominicano ou Achtung Babies, grupo que rinde tributo á banda de rock alternativo U2.
O Concelleiro de Turismo de Malpica, Alfredo Cañizo Garrido, manifestou de parte do goberno local que nesta ocasión o concello habilitará arredor de 1.000 prazas de aparcamento, que pola noite vai estar iluminado, nas zonas limítrofes ó campo de fútbol da Pedra Queimada.
Como novidade cabe resaltar que existirá un microbús que levará a xente desde o aparcadoiro ata o campo da festa e viceversa. Estas pequenas viaxes serán ininterrompidas desde as 11:00 horas da mañá ata que remate a verbena, que será sobre as 05:00 horas da madrugada, e produciranse tanto o sábado como o domingo. O intervalo entre cada viaxe será duns quince minutos.
E na zona portuaria seguirá instalada a tirolina, que conta co récord de ser a tirolina portátil máis grande de Europa durante o ano 2017.