- A presentación foi este martes no salón de plenos do Concello ás 11:00 horas
O Concello de Malpica acolleu este martes a presentación oficial de ‘A vila do mañá’, un proxecto educativo que celebra xa a súa terceira edición no municipio e que terá lugar entre o 24 e o 28 de agosto. O acto celebrouse este martes no salón de plenos do Concello, ás 11:00 horas, e ao mesmo acudiron o alcalde, Walter Pardo, o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Económica, Sergio García Villar, e o concelleiro de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro, Alfredo Cañizo. Así mesmo, a presentación contou tamén coa intervención da creadora e directora do programa, Sandra González Álvarez, e con Santiago Rojo Martínez, membro de Post Arquitectos. Ambos os dous encargaranse de impartir as sesións formativas desta iniciativa.
A través do programa «A vila do mañá», dirixido aos nenos e nenas do municipio, búscase que os pequenos e pequenas tomen conciencia sobre a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe.
Co fin de reducir o risco de contaxios pola COVID-19, as sesións levaranse a cabo atendendo a un completo protocolo para garantir a seguridade de todos os participantes. Como parte das medidas, os grupos estarán formados por un máximo de 10 persoas. As inscricións poderán formalizarse no rexistro do Concello de Malpica.
«A vila do mañá» está impulsada pola Deputación da Coruña e recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego).