Malpica | Presentado o conto Xela, a redeira

2 minutes read

Este sábado tivo lugar en Malpica a presentación do conto Xela, a redeira onde se recoñeceu o valor do traballo que realizan as profesionais deste sector. No acto estivo presente, ademais de diversas autoridades locais, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen sinalou que esta publicación dirixida ao público infantil e promovida pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao é unha boa ferramenta para dar a coñecer o oficio das redeiras e promover a remuda xeracional.

O conto foi escrito por Alexandra Touza e ilustrado por Patricia Eirín e dá a coñecer a actividade da redería como parte fundamental das actividade do mar. Unha das mellores formas de chegar ás novas xeracións, especialmente aos máis cativos e de mostrarlles un dos oficios máis antigos e tradicionais do sector.

Autoridades e redeiras presentes na presentación do conto; Xela, a redeira.

Outra acción que promove a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, que complementa á deste conto, é a curta documental realizada pola produtora Muzungu Producións en coprodución con Doha Debates. Esta peza narra a historia das redeiras e a súa loita por acadar os mesmos dereitos dos que gozan os homes no sector da pesca.

A exposición Redeiras. Unha profesión con historia é outra iniciativa impulsada pola federación co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e que tamén visitou a conselleira. A comisaria é Xela Rodríguez e a mostra está composta por fotos súas e de Rolando López Pérez e pon en valor o papel das mulleres no labor de reparación e fabricación de redes, un dos máis antigos oficios mariñeiros.

Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’

A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao foi creada en 2004 no marco do III Encontro de Redeiras e a súa sede social está en Malpica. Na actualidade está integrada por máis de 140 socias repartidas en oito asociacións de redeiras ao longo do territorio galego e ten entre os seus obxectivos defender os intereses das redeiras profesionais de Galicia, visibilizar as necesidades das socias e fomentar o asociacionismo. Outros dos seus fins son a formación de futuras redeiras, promover a diversificación laboral, a través da reciclaxe e artesanía e promover a igualdade entre mulleres e homes.