Malpica presentou o proxecto Praia Pallet no Pantín Classic

2 minutes read
Presentación do proxecto_Concello de Malpica.
  • O concelleiro Rodrigo Mato explicou a iniciativa municipal nos ‘Faladoiros do Pantín’, mentres Víctor, de Maldita Surfboards, impartiu varios obradoiros.

O Concello de Malpica de Bergantiños tivo presenza no Pantín Classic Galicia Pro a través dos Faladoiros do Pantín, un espazo no que se poñen en común iniciativas relacionadas co surf, o mar e a protección do medio ambiente.

Neste marco, o concelleiro Rodrigo Mato, acompañado pola concelleira Noelia Freijeiro, presentou o Proxecto Praia Pallet, unha iniciativa impulsada polo Concello de Malpica e implantada xa en seis praias do municipio.

Durante a súa intervención, Rodrigo Mato explicou que o principal obxectivo do proxecto é contribuír a manter limpo o entorno das praias, aproveitando determinados elementos que o mar arrastra ata a costa e que, unha vez recuperados, poden ter unha utilidade dentro do propio espazo litoral.

Deste xeito, Praia Pallet busca evitar que estes materiais permanezan abandonados no entorno, contribuír á limpeza das praias e fomentar unha maior concienciación sobre o coidado do litoral. Unha iniciativa que nace desde a realidade diaria das praias de Malpica e que pretende implicar tanto á administración como á cidadanía na conservación destes espazos naturais.

Malpica foi pioneira na implantación deste proxecto na península ibérica, converténdose nun referente nunha iniciativa que pon o foco na limpeza, no coidado do entorno e na responsabilidade compartida sobre as nosas praias.

A xornada contou tamén coa participación de Víctor, de Maldita Surfboards, empresa dedicada á fabricación e reparación de táboas de surf e radicada en Malpica, onde ademais reside o seu responsable. Víctor foi o encargado de desenvolver varios obradoiros relacionados co mundo do surf e coa reparación de táboas, achegando ao público os seus coñecementos e experiencia profesional.

A presenza de Malpica no Pantín Classic permitiu así dar visibilidade a unha iniciativa municipal vinculada directamente ao coidado das praias e, ao mesmo tempo, mostrar o traballo de profesionais e empresas locais vinculadas ao surf.

Desde o Concello destacan a importancia de participar nun evento de referencia como o Pantín Classic para compartir experiencias e poñer en valor o compromiso de Malpica coa conservación do seu litoral, así como para dar a coñecer proxectos que nacen no propio municipio e que poden servir de exemplo noutros territorios.

Co Proxecto Praia Pallet, Malpica reafirma o seu compromiso cunhas praias máis limpas, coidadas e respectuosas co medio ambiente, apostando pola implicación de toda a sociedade na protección do noso litoral.