Malpica recibe a dúas familias ucraínas en sinal de apoio

1 minutes read
  • En total son cinco refuxiados que residen nunha vivenda cedida por unha familia local

A Casa do Concello de Malpica recibiu este venres ás dúas familias refuxiadas procedentes de Kiev, Ucraína. En total son cinco persoas e residen nunha vivenda unifamiliar cedida por unha familia malpicá que ademais foi acondicionada por varios veciños de forma totalmente altruísta, cedendo equipamentos e recursos para que «comecen unha nova etapa na comarca», destacan desde o equipo de goberno.

Os maridos e pais destes refuxiados seguen no seu país loitando contra a invasión rusa e, para apoiar máis a estes novos veciños, desde o Concello decidiron recibilos oficialmente como «mostra de recepción por parte de toda a veciñanza», sinalou o tenente de alcalde, Alfredo Cañizo. O edil tamén asegurou que todos os departamentos do Concello están traballando para que a integración de todos sexa o mais áxil posible, apurando tamén a escolarización dos menores.