Malpica recorda a Rosalía de Castro co caldo de gloria

1 minutes read
  • Cinco establecementos locais ofrecerán esta tapa con cada consumición durante o mércores 23

Este mércores 23 de febreiro é o Día de Rosalía de Castro, cumpríndose 185 anos do seu nacemento. Entre exposicións, recitais de poesía, ilustracións ou actuacións musicais, en Malpica destaca a degustación do caldo de gloria, unha receita que a escritora describe no seu poema «Miña casiña, meu lar».

En total participan cinco locais (Bar Arcos, Bar Ibarra, Casa Vítaro, Cornecho de Tano e Restaurante San Francisco) que ofrecerán aos clientes, desde o mediodía ata a noite, este acompañamento con cada consumición.

Para esta actividade, organizada pola Fundación Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, os establecementos participantes tamén recibirán carteis e manteis de papel co poema da receita e outras formas de elaborala.