Malpica rememora as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e monicreques

1 minutes read
  • A exposición estará dispoñible do 18 ao 31 de outubro no Fondo Lugrís do centro cívico

O departamento de Cultura do Concello de Malpica, dentro da programación da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña, rememorará as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e un espectáculo de monicreques. Conmemoraranse así as históricas representacións de José Val de Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e Rafael Dieste. A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, destacou a importancia dunha conmemoración histórica «non só para Malpica, senón para todo o país ao ser unha iniciativa pioneira que sentou as bases para o proceso de alfabetización de toda a sociedade».

O 20 de outubro de 2021 cúmprense 88 anos desde que o público malpicán puido gozar dunha serie de actividades con monicreques que acabarían percorrendo toda España co obxectivo de achegar a cultura a toda a poboación. Agora, o Fondo Lugrís do centro cívico será o escenario dunha mostra fotográfica das Misións Pedagóxicas do 1933 que estará aberta ao público desde o 18 ao 31 de outubro.

Por outra banda, o 24 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar o espectáculo ‘Varietés do Animalario’ da compañía teatral Paporrubio na praza Anselmo Villar Amigo. Trátase dunha actuación familiar, adecuada para nenas e nenos a partir de 3 anos. O aforo máximo é de 100 persoas e será necesario inscribirse previamente podendo mesmo reservar ata catro asentos por persoa enviando un correo a anton.noceda@malpicabergantinos.es cos datos persoais.