- Culturactiva Producións recreará a vida da escritora galega desde a súa nenez
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que este ano será na honra do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o Ecomuseo Forno do Forte de Buño (Malpica) acollerá este martes a obra Rosalía de Culturactiva Producións. Será ás 17.00 horas.
Trátase dunha representación dirixida a un público familiar na que se recreará a vida da escritora desde a súa nenez contándolle aos espectadores que a infancia é o lugar onde medran os poetas, entre a rebeldía, as lecturas, os xogos e as cancións. Dirixida por Fina Calleja e representada por Rocío González e Cristina Collazo, a obra xa leva máis de 70 funcións realizadas desde a súa estrea.
Rosalía poderá verse de balde e está enmarcada na programación municipal Malpica nun mar de letras.