Malpica saíu á rúa para celebrar as súas Festas do Mar

1 minutes read
El alcalde Walter Pardo y la concejal Leticia Naya, se pasaron por los micrófonos de la radio.

Miles de persoas, moitas máis serían en condicións normais, gozaron esta fin de semana en Malpica, con todas as medidas de seguridade, dunhas «atípicas» Festas do Mar, debido á situación extraordinaria que nos tocou vivir, derivada da pandemia da Covid-19.

Aínda que loxicamente non houbo verbenas nin procesión marítima, non por iso se perdeu de celebrar numerosas actividades en diferentes puntos da vila. O tempo axudou e Malpica volveuse a encher de turistas e visitantes para gozar das súas praias, a súa gastronomía e a hospitalidade das súas xentes.

Este sábado, e logo de moitos anos, volveuse a celebrar un programa de radio en directo no paseo marítimo, desde onde durante catro horas Malpica estivo presente reivindicando o tremendo potencial que posúe en todas as actividades nomeadas con anterioridade. O radiodj malpicán Dj- Roy aproveitou o seu programa musical na emisora Novahit para, de forma extraordinaria, pulsar tamén a situación actual do pobo nas súas diferentes áreas municipais, que ao final é moi importante, porque é o que redunda directamente na calidade de vida das persoas, tanto veciñas como achegadas.

Polos micrófonos da emisora desculpou a súa ausencia, por un leve contratempo de saúde, Alfredo Cañizo, concelleiro de Seguridade, Tráfico, Turismo e Servizos. Pero si se pasou o alcalde, Walter Pardo e a concelleira de Deporte, Mocidade, Cultura, Oleiría e Igualdade, Leticia Naya. Eles en primeira persoa contaron como están a funcionar as súas áreas de traballo. Destacando as enormes potencialidades da «Malpica Bonita» como o «mellor pobo do mundo», tal e como concluíu o alcalde.