A xerente de “Suelo Empresarial del Atlántico”, (SEA) Beatriz Sestayo, presentou en Malpica de Bergantiños as novas iniciativas aprobadas para impulsar o polígono empresarial de Buño, que inclúen tanto promoción e difusión como mellora da oferta económica. Con este obxectivo, reuniuse na Casa do concello co alcalde, Walter Pardo, o tenente de alcalde Alfredo Cañizo, o concelleiro de Promoción Económica, Sergio García e o secretario da asociación de empresarios, Fernando Couto, para explicar a nova aposta de “SEA” para impulsar o polígono, coa oferta de máis da metade da superficie en Dereito de Superficie.
Dentro das medidas expostas para impulsar o polígono, no último Consello de Administración aprobouse ampliar a oferta de chan en dereito de superficie, a modo de alugueiro con opción a compra, a preto de 15.000 metros cadrados, co que se duplica a oferta existente ata o momento. As cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados.
Na modalidade de Dereito a Superficie, as empresas poden instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra do chan. Así, poderían continuar nesta modalidade durante un período de ata 30 anos ou ben optar por comprar a parcela, cunha redución parcial das cantidades abonadas previamente.
En paralelo, dentro das medidas adoptadas, Beatriz Sestayo presentou un vídeo promocional elaborado para impulsar o polígono industrial de Buño e que recolle a súa proximidade ao porto pesqueiro, á Coruña, a Santiago e as súas enormes posibilidades como área empresarial para distintos sectores. O vídeo foi entregado ao Concello e será difundido por “SEA”, dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes, en distintos foros económicos e empresariais.
