Malpica terá centro de día

INTERNA 12,45 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, reunirase co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. foto xoán crespo 28/02/2019

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinaron un acordo de colaboración para a posta en marcha dun centro de día, un novo servizo promovido polo Concello e que será de titularidade e xestión municipal.

A Xunta de Galicia contribuirá á creación do centro de día con 150.000 euros, que supoñen o 50% do orzamento. A outra metade será financiada polo Concello de Malpica con recursos propios. O alcalde repasou xunto á conselleira de Política Social os recursos en materia social que teñen á súa disposición os veciños de Malpica, que darán un salto cualitativo e cuantitativo coa posta en marcha deste novo servizo para a atención ás persoas maiores.

O centro de día instalarase na Casa do Oleiro, que será acondicionada para a prestación do servizo nas mellores condicións. A licitación, tanto do proxecto como das propias obras, corren a cargo do Concello. Eduardo Parga expresou a satisfacción do goberno municipal pola frutificación das xestións realizadas coa Consellería de Política Social para a posta en marcha dun servizo moi demandado e moi necesario para as familias de Malpica.