Manhe prometía ser un concerto único e iso foi o que viviu o numeroso público que se deu cita no Teatro Colón da Coruña. Cumpríronse as expectativas creadas á hora de poñer o son da tradición galega no lugar destacado que merece. Esa conxunción que se buscaba entre a música de raíz e a clásica creou un ambiente sonoro especial que emocionou as persoas asistentes.
No escenario, ademais de Fransy González á voz e percusións, estiveron Pedro Lamas, saxo soprano, e responsable dos arranxos e a dirección musical de Manhe; a Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba; Sabela Fuentes (filla da artista), voz e violín. A danza tradicional estivo tamén representada da man do bailador Miguel Pardo.
Na parte final do concerto as cantareiras Xiradela: Almudena Lema, Silvia Suárez Alonso, Silvia Suárez Varela, Pili Balado, Tania Silvosa, Alejandra Vázquez, Marité Vázquez, Sonia Ínsua e Inés Vázquez sumaron ás súas voces e pandeiretas á de Fransy, rememorando os inicios das súas traxectorias musicais, coa madurez que outorga o camiño andado.
Como acontecera no videoclip, a manda formada polas pequenas Julia, Candela, Rita, Nora, Luna e Martina sumáronse á posta en escena de Pequeniña.
Miradas que falan
Un dos momentos máis íntimos do concerto foi cando Sabela Fuentes, filla de Fransy, aportou a súa voz e violín canda á súa nai coa emoción agromando en cada nota. Foi o tempo de Miro pra ti, que ambas as dúas interpretaron mirándose aos ollos con fonda tenrura.
Escoitáronse temas coñecidos xa polo público como Media leghua de camiño, ou Nin no mundo nin na terra. Pero na lista de cancións sumáronse: Vinte e cinco gabetiñas, Veneno para que muera, En los brazos de mi madre, Berghantiñana, Toque de chifre do capador, Que nun digan ou Caión, unha peza fundamental na traxectoria musical de Fransy e que non podía faltar en Manhe. Un momento moi emotivo produciuse co Cantar do silencio, con letra de Manuel de Eva e que Fransy dedicou ao seu pai elevando a súa man ao ceo do teatro.
O deseño de vestiario de Fransy leva a sinatura de TUSET e a ourivería, a de Susi Gesto, ambos os dous creadores fixeron unha achega que sumou á hora de facer de Manhe un espectáculo diferente no que a modernidade e a tradición camiñan xuntas.
Santi Mañasco encargouse da espectacular iluminación e Rubén Montes foi o técnico de son. Concello e Deputación da Coruña son os organizadores desta cita cultural.