Manifestacións do 25N: clamor feminista contra o odio nas rúas de todo o país

2 minutes read

As rúas das principais cidades convertéronse nun clamor multitudinario con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Decenas de miles de manifestantes avanzaron pola maioría dos concellos baixo unha única consigna de repulsa contra as violencias machistas e o aumento dos discursos de odio na sociedade.

O Concello de Malpica de Bergantiños leu o seu manifesto institucional: «Malpica non mira para outro lado». O Concello reafirma o seu compromiso coa prevención e coa atención ás vítimas, e a súa vontade de que os recursos de información, orientación e apoio estean ao alcance de quen os necesite, para que ningunha muller sinta que debe afrontar soa unha situación de violencia.

A Casa do Pendón, en Cabana de Bergantiños, acolleu un emotivo acto no que brillaron a música, a cultura e a reflexión, con canto, poesía, teatro e a visión da psicoloxía. No acto tamén estivo presente o alcalde, José Muíño.

Baixo o lema «Rompe o ciclo: educa en igualdade», en Laxe celebraron unha xornada de reflexión e compromiso coa comunidade educativa, na que o alcalde e representantes dos distintos grupos da corporación municipal participaron tamén na lectura dun manifesto. Desde o Concello de Laxe quixeron agradecer á dirección do centro, ao profesorado, ao alumnado, á ANPA Cabo da Area, ás familias e aos membros da corporación municipal a súa implicación nesta xornada.

O alumnado do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose participou este días nesta actividade de sensibilización e concienciación arredor da violencia de xénero. A actividade estivo organizada polo Concello de Zas e financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Vimianzo encheuse de flores, mensaxes e voces que falan de amor propio, liberdade e respecto. O alumnado dos CEIP Plurilingüe San Vicenzo e CEIP de Baiñas foi protagonista da campaña #Semprevivas, creando os seus ramos e un gran corazón colectivo como símbolo de unión e compromiso fronte á violencia de xénero.

Na xornada do 25N en Ceceda, a Concelleira Catrina Queijo, estivo nos actos organizados polo CPI O Cruce co seu alumnado.

Carballo volveu alzar a voz este 25N para reivindicar o dereito de todas as mulleres a vivir en liberdade, sen medo e sen violencia, e para denunciar especialmente a crueldade da violencia vicaria. «Porque non queremos máis vidas rotas, nin máis infancias arrebatadas, nin máis mulleres ás que a violencia lles marque o camiño. A nosa voz, xuntas e xuntos, todos os días do ano». A concelleira de Igualdade, Maica Ures, daba lectura ao manifesto polo 25N.