Corea do Sur publicou imaxes de exercicios militares conxuntos con Estados Unidos, horas despois de que Corea do Norte anunciase que probou por primeira vez un dron submarino con capacidade nuclear e capaz de xerar xigantescos tsunamis radioactivos. Nos exercicios militares, cazas surcoreanos e polo menos un caza estadounidense dispararon mísiles aire-aire e aire-terra. O obxectivo era verificar a capacidade de realizar ataques de precisión para neutralizar, en caso necesario, a capacidade nuclear norcoreana.
As tensións na península coreana son máximas no medio dos continuos ensaios armamentísticos norcoreanos. Segundo Corea do Norte, o seu dron submarino de propulsión nuclear podería provocar tsunamis radioactivos capaces de penetrar en augas costeiras, acabar con frotas enteiras e destruír portos e infraestruturas. Un dron similar ao sistema ruso coñecido como Poseidón. Pionyang tamén mostrou por primeira vez imaxes do lanzamento e voo dos seus mísiles estratéxicos de cruceiro. A actual situación rexional xera aínda máis tensión que a creada pola escalada verbal entre Kim Jong-un e Donald Trump en 2017.