As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. Trátase de apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.
A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.
O Diario Oficial de Galicia publicou a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de axudas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da comunidade.
A provincia da Coruña recibe unha achega que supera os 771.000 euros, con parte deste orzamento manteranse as unidades compartidas polos municipios de Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Zas e Vimianzo.