Nunha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, encabezada por Augas de Galicia e integrada por Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, analizouse o detalle da evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, confirmándose a anomalía hidrolóxica que se vén advertindo nos anteriores meses do ano. Desta análise despréndense varias cuestións ás que os técnicos da Oficina da Seca están a prestar especial atención, sendo unha delas os caudais circulantes rexistrados nos ríos da demarcación que, no mes de abril, foron un 48% inferiores aos que normalmente se rexistran neste mes do ano. As previsións apuntan a un mes de maio no que non se agardan cambios moi significativos con respecto a esta semana, cunha situación anticiclónica en xeral para a vindeira semana, que en certos momentos podería deixar espazo a algunha precipitación eventual. Pese á situación hidrolóxica anómala actual, aínda nos encontramos lonxe dun escenario de escaseza que poida afectar aos abastecementos, e coas reservas hídricas nun nivel óptimo de cara ao inicio do verán. Non se ten constancia de ningunha incidencia particular sobre o abastecemento. Á vista de todo o exposto a Oficina Técnica da Seca acordou continuar co control do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación, que coa declaración da prealerta de seca, pasou a ter un seguimento detallado analizando máis indicadores cunha maior periodicidade.
31