Mantense activa a declaración de seca prolongada na Demarcación Galicia-Costa


Tras unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada por Augas de Galicia, Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural, analizouse a evolución da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, confirmándose o mantemento da declaración de situación de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, anomalía hidrolóxica que se vén advertindo dende principios de ano.

En relación aos caudais circulantes rexistrados en xuño, seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 25% menos ao ter en conta os dos últimos dez anos. Grazas ás chuvias rexistradas en xuño, un mes máis chuvioso do normal, a situación mellora con respecto ao mes de maio, cando os caudais estaban un 45% por debaixo da media histórica.

No que se refire aos encoros de abastecemento en Galicia-Costa, a súa ocupación actual é do 93,01%, un 5% inferior á do mesmo período para o ano 2021. De xeito concreto, os embalses de Zamáns e Baiona son os que máis preocupan polos seus niveis actuais, polo que a Xunta insta ás administracións locais a intensificar as medidas de aforro para evitar que se dispare o consumo en verán, de forma especial de cara aos próximos días nos que se esperan altas temperaturas e clima seco.

As previsións meteorolóxicas apuntan a un mes de xullo que non debería presentar anomalías de precipitación moi importantes, polo que se espera un mes con poucas choivas como é habitual nesta época do ano. Nos primeiros 15 días non se prevén cantidades de chuvia significativas, pero agárdase que as situacións anticiclónicas non ocupen toda a segunda quincena e chegue algún centro de baixas presións.

Actualmente todos os sistemas de explotación da demarcación Galicia Costa están en situación de seca prolongada, estando en normalidade no relativo á escaseza, polo que ata o momento non está en risco a atención das demandas hídricas asociadas aos diferentes usos.