Manu Méndez, Jorge Bouzas e David García, renovan polo Calvo Xiria BM

Foto.- Cedida.

O capitán do Calvo Xiria Balonmán, Manuel Méndez Cabeza, seguirá un ano máis exercendo a súa veteranía como un dos pilares do equipo.

Segundo as súas palabras: «levamos moitos anos e fases intentando conseguir o ascenso. Este ano, seguiremos traballando duramente na busca do ansiado obxectivo que agardamos poder celebrar moi pronto coa nosa afección.»

Renovación de Jorge Bouzas (Carballo 1994).

O extremo renova unha tempada máis no clube. Seguiremos desfrutando da súa «pillería» en defensa e dos seus goles desde o extremo e á contra.

Jorge afirma que: «foi unha verdadeira lástima ter que dar por finalizada a tempada desta maneira. Seguiremos outro ano máis traballando para conseguir ese ascenso tan desexado por todos. Estou seguro que ata que se consiga, este grupo non parará.»

Renovación de David García Pichel

O xogador carballés retorna ao Calvo Xiria despois dunha destacada traxectoria en DHP e Asobal.

Formou parte do Calvo Xiria que alcanzou a primeira fase de ascenso a DHP en 2011 compaxinandoo coa súa participación na selección española xuvenil.

Comezou a súa andaina na élite no Ademar de León, onde chegou a debutar en Asobal ás ordes de Manolo Cadenas. Voltou a Galicia para formar parte do Teucro onde acadou dous ascensos a Asobal. Na súa última etapa, xa no Atlético Novás, en 3 anos tivo unha participación protagonista no ascenso do club do Rosal dende a Primeira Estatal á 6ª posición en DHP nesta prematuramente finalizada tempada.

As declaracións de David na súa fichaxe foron: «Teño moitas ganas de volver a xogar con excompañeiros e amigos. O equipo pasa por un momento de xogo moi bo e espero poder aportar o máximo para acadar os obxectivos».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha