Mañueco cesa a catro conselleiros de Ciudadanos e convoca eleccións anticipadas


O presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, anunciou a convocatoria de eleccións anticipadas na comunidade autónoma para o 13 de febreiro e rompeu co seu socio de Ciudadanos ao cesar a todos os conselleiros deste partido pola “traizón” e “deslealdade” ao pactar os Orzamentos “ás costas do presidente” e polo “risco” dunha moción de censura “inminente”.

Segundo os prazos que establece a lei, a campaña electoral será entre o 28 de xaneiro e o 11 de febreiro e, tras os comicios do día 13, a sesión constitutiva das novas Cortes será o 10 de marzo ás 12.00 horas.

Mañueco cancelou a súa participación na inauguración do AVE a Galicia e explicou  a súa decisión nunha rolda de prensa sen preguntas, na que defendeu que sempre actuou pensando no ben dos cidadáns. “A chantaxe comigo non funciona. Se alguén creu que vou vender o interese” dos cidadáns “por manterme na cadeira equivócase de principio a fin”, sentenciou.