A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou este xoves a Confraría de Pescadores de Laxe para avaliar o impacto das distintas liñas de axuda que a Consellería do Mar mantén activas na zona. Alí, a representante autonómica destacou que nos últimos anos a Xunta apoiou a esta entidade con axudas que suman máis de 270.000 euros, un investimento clave para o sector pesqueiro da zona.
Ángeles V. Suárez subliñou o peso social da confraría, composta actualmente por máis de 60 persoas, que constitúe un piar económico fundamental para o municipio e a comarca. A representante da Consellería incidiu na solidez da actividade no porto, cunha cifra de negocios que superou os 1,45 millóns de euros no último exercicio, o que reflicte o éxito da colaboración entre a Administración e o sector mar-industria.
Dentro deste esforzo investidor, a directora xeral detallou que unha parte esencial dos fondos provén das ordes de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque dirixidas a actuacións como a eficiencia enerxética, a protección do medio ambiente, da seguridade e as condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.
Ademais, Ángeles V. Suárez avanzou que a entidade solicitou unha nova axuda de case 30.000 euros, actualmente en fase de valoración previa á súa resolución, para un proxecto dirixido a optimizar os procesos de comercialización de mariscos na lonxa, buscando incrementar o valor das capturas mediante a modernización tecnolóxica e a mellora da trazabilidade.