A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de avanzar na integración entre o porto de Malpica e o conxunto da vila coa instalación dunha marquesiña pública na zona portuaria para desfrute da veciñanza. A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou este venres a zona para detallar esta actuación que dá resposta á petición da veciñanza.
Villaverde, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e varios compoñentes do goberno local, explicou que esta nova infraestrutura non só proporciona resgardo fronte ás inclemencias meteorolóxicas ás persoas que transitan polo porto senón que contribúe tamén á ordenación do propio solo portuario. Non en van favorece a estancia confortable e segura dos peóns neste punto minimizando o tránsito peonil polo interior do peirao.
A actuación executada mellora a accesibilidade e confort dos usuarios, con especial atención ás persoas xubiladas, que presentan unha maior vulnerabilidade fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
A conselleira subliñou que se trata dunha actuación de baixo impacto construtivo e elevado interese social, aliñada cos principios de accesibilidade universal, seguridade, integración porto-cidade e fomento do uso social do porto como espazo de convivencia e esparexemento. Canto ás súas características técnicas, a marquesiña ten 9 metros de longo por 2,5 de ancho e o investimento na construción e instalación foi de 25.000 euros.

Vista xeral da marquesiña instalada no porto de Malpica.