A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo en Ribeira a importancia de tender pontes entre o sector e os científicos co obxectivo de fomentar vías de colaboración e a transferencia de coñecemento entre ambos en beneficio do mar de Galicia. Esta cooperación, subliñou, é clave para aproveitar ao máximo a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation en aspectos como a mellora da produción de semente de moluscos bivalvos nos que a Xunta busca implicar ao sector e aos investigadores, buscando que as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador que alberga Galicia e que se reflicte en centros coma o Clúster de Acuicultura. Segundo explicou a conselleira, o plan para a mellora da produción de moluscos bivalvos ten entre os seus obxectivos avanzar na coordinación dos esforzos e capacidades de investigación existentes neste ámbito e na aplicación demostrativa do coñecemento dispoñible asociado a estes recursos. Neste cometido, é necesario desenvolver tarefas como o estudo de mecanismos para a captación de semente de moluscos, un plan de viabilidade para a produción en criadeiro, estudos de posibles efectos como consecuencia do cambio climático, así como o reforzo de poboacións naturais e estratexias de conservación.