A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o novo edificio de seguridade e servizos portuarios da Autoridade Portuaria da Coruña, onde foi recibida polo presidente da entidade, Martín Fernández Prado. Alí a titular de Mar destacou a aposta da Autoridade Portuaria coruñesa pola innovación e a mellora das condicións de traballo dos profesionais. Un compromiso, engadiu, que se reflicte na nova infraestrutura desde a que se supervisa a actividade e a seguridade tanto do porto interior coma do exterior.
Para realizar estas funcións o edificio, que está situado no peirao de San Diego e que completou o seu equipamento este verán, conta con 1.200 m2 de superficie útil e distribúese en baixo e primeira planta. Ademais inclúe equipamento tecnolóxico como unha nova sala de pantallas desde a que se comproba a actividade portuaria e aglutina a oficina de explotación, os centros de coordinación de servizos e emerxencias e os servizos de policía portuaria, taller, conservación e sinais marítimos. Tamén acolle o centro de procesamento de datos.
Isto é posible, sinalou a titular de Mar, grazas á inversión de máis de 2 millóns de euros que realizou a Autoridade Portuaria da Coruña para mellorar as condicións de traballo dos profesionais do porto. Neste sentido, felicitou a esta entidade por dar un paso máis para facer do peirao da cidade herculina un porto máis eficiente e eficaz e por seguir a senda da modernización e inversión en infraestruturas e seguridade portuaria que marcan conceptos como o de portos intelixentes (smart ports) ou portos 4.0.