A Consellería do Mar mantén o seu compromiso coa creación dun porto mixto para pesca de baixura e náutica de recreo no municipio de Corcubión. Así o ratificou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia.
Susana Lenguas lembrou que Portos de Galicia vén de adxudicar o contrato para a redacción do proxecto desta actuación, que conta cun orzamento de 130.000 euros. Este contrato abrangue o deseño da solución técnica para a mellora do abrigo e a dotación de amarres para a flota pesqueira e náutica, estudando distintas solucións construtivas (diques de coieira, verticais, aboiantes ou pantallas). Tamén abordará en profundidade os aspectos ambientais da actuación prestando especial atención ás posibles afectacións aos recursos mariños e á dinámica litoral.
“A día de hoxe, Portos de Galicia segue a traballar na solución técnica e ambientalmente sostible que permita mellorar o abrigo no porto de Corcubión a través da construción dunha nova dársena abrigada que albergue as instalacións de atracada”, subliñou. Neste sentido, lembrou que o proxecto construtivo “é o último paso de toda unha serie de documentos a consensuar con outros organismos e administracións públicas potencialmente afectados pola execución das obras”.