Mar ultima os traballos de remodelación integral do bordo portuario de Porto do Son


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a contorna portuaria de Porto do Son, onde a Xunta está a ultimar os traballos de remodelación integral do bordo portuario co obxectivo de favorecer a integración do peirao na vila facilitando o labor dos usuarios e facendo a zona máis atractiva para os veciños e visitantes.

As actuacións atópanse na súa fase final e afectan a unha superficie total de 26.000 metros cadrados ao longo de toda a franxa marítima da localidade. O obxectivo principal é humanizar o bordo portuario e abrir o concello ao mar, de xeito que se habiliten amplas zonas para o desfrute dos veciños ao tempo que se facilita o traballo dos usuarios do porto.

As obras, inclúen a creación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización do vial -cun novo trazado e novos materiais de execución- e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique. No eido da humanización da contorna, nestes momentos estanse a realizar actuacións ornamentais como a plantación de árbores.