María Campaña, Bikkos e Xelis Luaces completan o cartel das grandes firmas na Mostra do Encaixe

Imagen de archivo de una modelo en la Mostra do Encaixe de Camariñas 2019_Cedida

  • O luns 11, ás 11:30 horas, terá lugar a presentación da plataforma de venda online MerCamariñas

A dous días de dar o pistoletazo de saída á XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, a organización acaba de presentar o cartel completo e definitivo dos grandes deseñadores con María Campaña, Bikkos e Xelis Luaces como últimas incorporacións.

María Campaña, deseñadora local, é unha asidua á cita e estará acompañada polo muxián Xelis Luaces e Bikkos, un proxecto téxtil cuxa finalidade é «aportar unha maneira de vestir, con personalidade, a todas as persoas», destacan desde a organización do evento.

Ademais, Sandra Amorote Workshop pecha as participacións na novidosa sección ArtEncaixe cun taller de artesanía na estampación inspirado na puntilla de Camariñas. «O Encaixe de Camariñas merece unha destacada posición na nosa cultura», afirma Sandra, quen destaca que é «totalmente inspirador ver como cada persoa interpreta e dá forma ás súas pezas».

Presentación MerCamariñas

Aproveitando o evento da Mostra, o luns 11, ás 11:30 horas, terá lugar a presentación de MerCamariñas: a plataforma de venda online para o comercio local. Durante esta semana haberá unha formación presencial na aula de informática municipal sobre o proxecto, xestionado pola empresa local WP Nordés.

Esta ferramenta nace co obxectivo de adaptar os vendedores ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet.