María Rei e Antón Cortizas no Mes do libro do IES de Baio

2 minutes read

Continúa a celebración do Mes do libro no IES Maximino Romero de Lema de Baio; este martes foi a quenda de María Rei que visitou o club de lectura de adultos para compartir reflexións, impresións que desatou a lectura da súa novela Flores de Ferro.
A autora descubriu detalles técnicos do seu proceso de escrita e de creación da obra; explicou detalles da trama, das personaxes, da ambientación da historia e, compartiu as motivacións e vivencias das verdadeiras protagonistas, as Flores de ferro, que todas e todos nós podemos atopar na nosa contorna social e familiar próxima. Unha obra que nos traslada a voz e os sentimentos de persoas caladas e agochadas no tempo, que nos axuda a entender o noso pasado e construír o noso futuro.

Este mércores Antón Cortizas, baseándose na súa última publicación, Adiviña unha adiviña, impartiu un obradoiro ao alumnado de 2º ESO no que fixo das adiviñas un medio lúdico para apreciar o noso patrimonio oral.
Na primeira parte, a partir dun test de adiviñas da tradición oral galega, foi debullando as características deste subxénero e a técnica para a súa elaboración. Nunhas é máis importante a composición narrativa, noutras o cálculo matemático, pero en todas destacaba o aspecto lúdico das mesmas. Na segunda parte seguiu a xogar coa linguaxe e co vocabulario axudándose da papiroflexia: todos e todas construíron o seu bico do galo que contiña novos enigmas, aos que o alumnado buscaba unha rápida resolución.
Convidou á rapazada a seguir xogando coas palabras, co noso idioma, a recompilar as adiviñas da súa contorna para que non se perdan.
Rematou este divertido e á vez didáctico taller coa lectura dun poema orixinal del no que nos anima a abrazar a nosa lingua. De feito despediuse coa resolución dunha adiviña que inventara no instante de coñecer ao alumnado do centro: “ el era feliz porque falaban en galego”.