A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, animou este mércores á mocidade da provincia a gozar da cultura aproveitando o Bono Cultural Mozo que pon á súa disposición o Executivo, que investirá na provincia 3,7 millóns euros neste programa destinado a apoiar a industria cultural. Rivas desprazouse a Vimianzo, onde presentou esta iniciativa do Ministerio de Cultura e Deporte a un grupo novos e a representantes do sector das industrias culturais, co fin de trasladarlles o contido desta nova axuda que acaba de activar o Goberno o pasado mes de xullo.
No encontro, estivo tamén acompañada pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, a tenente de alcalde de Dumbría, María Agulleiro; as concelleiras de Benestar Social e Cultura de Vimianzo, María José Pose e Rosa Blanco; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; e o concelleiro de Deportes do Concello de Camariñas, Fabian Canosa.
O Bono Cultural está dividido en tres apartados, co propósito de fomentar o acceso a diversas expresións culturais. Deste xeito, cada persoa beneficiaria poderá destinar ata 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais —como música en directo, cinema, museos, etc.—; un máximo de 100 euros para produtos culturais en soporte físico —como libros ou discos— e outros 100 euros para consumo dixital ou en liña, como prensa dixital, podcasts, videoxogos en liña, etc.
“Con este Bono damos un paso máis no compromiso do Goberno coa mocidade e as nosas industrias culturais. É unha iniciativa que vai contribuír, por unha banda, a dinamizar o comercio de proximidade nos concellos e, por outra, a xerar hábitos de consumo de produtos culturais entre a mocidade”, asegurou a subdelegada.