Marilar Aleixandre, gañadora do premio “Blanco Amor” coa obra As malas mulleres

1 minutes read

A escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XXXIX Premio de novela longa «Eduardo Blanco Amor» pola súa obra As malas mulleres, presentada baixo o lema “Láudano”, e na que se relata a historia das coñecidas como “visitadoras de cárceres”, nun consistente retrato do último terzo do século XIX. O xurado, reunido no centro cultural Marcos Valcárcel, escolleu por unanimidade a obra gañadora de entre un total de 32 orixinais presentados a este certame, organizado pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación «Eduardo Blanco Amor», e dotado cun premio de 15.000 euros.

A novela gañadora retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, e na que segundo reflicte a acta do fallo “recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras”. Un traballo no que a autora “incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato”, destacaron os membros do xurado.