- O martes 30 participará en varias actividades programadas con motivo do 25N
«Lo más duro no es vivir la violencia de género, sino sobrevivir a ella». Así de contundente se mostra a activista Marina Marroquí, que despois ser vítima de violencia de xénero desde os 15 aos 19 anos logrou saír adiante e ser un exemplo de superación para moitas mulleres a pesar de que ela mesma di ser un «ejemplo a no seguir, porque hice todo lo que no hay que hacer».
Con moita presenza en diferentes plataformas dixitais como Youtube, desde o Concello sinalaron que «non foi doado, porque a súa axenda está sempre chea, pero por fin chegou a nosa quenda». Marroquí visitará Carballo o próximo 30 deste mes dentro das actividades programadas pola Concellaría de Igualdade arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Pola mañá participará nunha xornada de traballo con profesionais de distintos ámbitos e pola tarde estará nun acto aberto a toda a cidadanía, pero de especial interese para as familias, no que será preciso inscribirse previamente.
Marina Marroquí é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, educadora social, divulgadora, activista e especialista en violencia de xénero. É presidenta da Asociación Ilicitana contra a Violencia de Xénero ( AIVIG). Impartiu talleres de prevención e detección de violencia de xénero a máis de 80.000 adolescentes e ofreceu formación especializada en violencia de xénero a diferentes corpos de seguridade, xurídicos e sanitarios a escala nacional. Obtivo o premio das Cortes Valencianas a unha das 25 mulleres máis importantes da historia da comunidade valenciana, o recoñecemento da Palma de Ouro da cidade de Elxe e o Premio Nacional Ana Titor para a Loita contra a violencia de Xénero (2019), entre outras distincións. Ademais, é autora do libro Eso no es amor, no que expón 30 retos para reflexionar e traballar a favor da igualdade.