Marta Ortega asumirá a presidencia de Inditex en substitución de Pablo Isla

Oficinas Inditex Arteixo_GOOGLE MAPS

  • O cambio oficial realizarase o 1 de abril de 2022

Marta Ortega Pérez será presidenta non executiva da empresa española Inditex a partir de abril do próximo ano. Deste xeito, a filla de Amancio Ortega, cofundador da compañía, ocupará o lugar do actual presidente, Pablo Isla, tras unha desvinculación de «mutuo acuerdo», segundo sinalou a compañía nun comunicado dirixido á Comisión Nacional do Mercado de Valores, o organismo supervisor da bolsa en España.

Ortega Pérez sempre estivo vinculada ao funcionamento da empresa, desenvolvendo a súa actividade en distintas áreas do grupo durante os últimos quince anos, sobre todo no reforzo da imaxe de marca.

Pablo Isla exercerá como presidente ata o 31 de marzo poñendo así fin a unha carreira de 17 anos en Inditex, sendo elixido vicepresidente e conselleiro delegado en 2005 ata tomar as rendas da compañía no 2011.

Inditex, con sede na localidade galega de Arteixo, conta con máis de 6.600 tendas repartidas en 96 países con marcas como Zara, Pull&- Bear, Massimo Dutti, Bershka ou Stradivarius.