O centrocampista ourensán, Martín Lamelas, un dos integrantes da selección galega campioa da pasada Copa das Rexións da UEFA, únese ao proxecto do equipo carballés. Lamelas medrou como futbolista nos últimos catro anos no Ourense C.F., co que conseguiu o ascenso a Terceira na temporada 2016/17, para logo converterse en peza fundamental dun equipo que estivo a piques de acadar o ascenso a 2ªB o pasado mes de xullo. Antes militou dúas campañas na U.D. Barbadás (3ºdivisión), club a que chegou procedente do Ponte Ourense (nome anterior do actual Ourense C.F.).O xogador, que tiña outras ofertas e con mellores condicións económicas, apostou por este proxecto. Jose Luis Lemos terá así ás súas ordes a un dos mellores futbolistas da categoría.
“Estou moi ilusionado con esta nova etapa. Creo que vai ser fácil adaptarme ao club, ao modelo de xogo que propón o corpo técnico e aos meus novos compañeiros, moitos dos que xa coñezo das convocatorias da selección galega. Teño claro ao que veño: a que o equipo consiga un obxectivo que non pode ser outro que o ascenso”, declarou.