Matan a coiteladas unha muller de 42 anos na súa vivenda de Lugo

1 minutes read

Unha muller apareceu morta á última hora deste domingo, con sinais de violencia, nunha vivenda do inmoble número 51 da rúa Quiroga, nas coñecidas como Casas Sindicais de Lugo. A Policía Nacional foi alertada do achado do cadáver arredor das 22 horas. Ata o lugar desprazáronse axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta da Policía Nacional, que están a investigar este homicidio. Polo momento non transcenderon sospeitosos do caso, que se encontra baixo segredo de sumario. A vítima é Cristina Cabo Buján, unha muller de 42 anos que rexentaba unha froitería na Rúa Mallorca no barrio da Milagrosa. Apareceu morta con varias coiteladas no dormitorio do seu propio domicilio, despois de que familiares alertasen á policía porque non a atopaban.