31
Un policía nacional de 48 anos, natural de Ferol e destinado no cuartel de Lonzas na Coruña, faleceu a pasada madrugada nun tiroteo que se produciu nunha gasolineira situada á entrada da localidade de Villagonzalo Pedernales, en Burgos, segundo informaron fontes policiais. Tamén confirmaron que o falecido fuxira coa arma roubada dun compañeiro. O axente estaba sendo investigado por Asuntos Internos, e foi localizado na gasolineira na que se produciu o tiroteo e onde se despregara a Policía Nacional e a Garda Civil con intención de detelo. Segundo o relato das forzas de seguridade, o falecido comezou a disparar contra os axentes, parapetado tras o coche que conducía. Ao repeler o ataque alcanzárono cos seus disparos.