Mateo Calzas, gañador do concurso de imaxe gráfica de igualdade celebrado en Vimianzo

Mateo Calzas, ganador del concurso gráfico por la igualdad_Ayuntamiento de Vimianzo

  • A peza gañadora será empregada como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello

O salón de actos do IES Terra de Soneira acolleu na mañá deste martes a entrega de premios do concurso de imaxe gráfica de igualdade organizado polo Concello de Vimianzo, no que participou o propio alumnado do instituto. Mateo Calzas Moreira foi o gañador do certame, que outorgou unha mención especial a Saray Pérez Rama.

Esta iniciativa, organizada con motivo do Día da Muller, tivo como obxectivo que a mocidade reflexionara sobre temas como a identidade de xénero, os roles e estereotipos ou a discriminación, entre outros.

O xurado estivo composto pola concelleira de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, María José Pose; o técnico de Deportes, Víctor Santos; a técnica de Cultura, Nieves Lema; a profesora do IES Terra de Soneira, Beatriz Álvarez; e o ilustrador vimiancés, Rubén Rial. En total analizáronse 36 propostas, elixindo ás persoas finalistas e gañadoras baseándose en cuestións como a finalidade do deseño, a temática, o formato e a orixinalidade.

Mateo Calzas Moreira levou o premio do certame e agora a súa creación será empregada como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello. No acto entregóuselle o diploma -no que xa se incluíu o seu logo- xunto cun vale para consumir no comercio local e unha peza de artesanía coa forma do Castelo de Vimianzo. Saray Pérez Rama logrou o premio mención especial pola temática e orixinalidade da súa proposta á hora de plasmar a brecha salarial de xénero e tamén recibiu outra peza de artesanía.

As obras de Manuela Pais Tedín, Eva Pérez Martínez, Lucía Roget Blanco, Samuel Suárez García e Isaac Varela Gándara foron as finalistas deste certame.

Entrega de premios do concurso de imaxe gráfica de igualdade en Vimianzo_2021_Concello