A disputa entre Francia e Reino Unido polas licenzas de pesca pasa das palabras aos feitos. A Xendarmería francesa sancionou a dúas embarcacións británicas que faenaban en augas galas. Unha delas foi inmobilizada e conducida ata o porto francés de Lle Havre por non posuír a licenza acordada tras o Brexit. A outra tiña os papeis en regra, pero ao mostrar resistencia aos controis foi multada por obstrución.
Tras dez meses de negociacións infrutuosas, as autoridades francesas consideran que Londres segue sen respectar os acordos de pesca tras o Brexit e avisan de que xa se lles acabou a paciencia. «Fomos pacientes e os nosos pescadores foron responsables. Xa basta: a partir do 2 de novembro aplicaremos represalias», indicou este xoves na cadea CNews o secretario de Estado de Asuntos Europeos, Clément Beaune. Pero o endurecemento das inspeccións no contexto das discusións actuais non esperou a esa data límite.
Reino Unido di que non quedará de brazos cruzados. «As medidas coas que se ameaza non parecen ser compatibles co acordo de comercio e cooperación, nin co dereito internacional en xeral, e se as levan a cabo recibirán unha resposta adecuada e calibrada. É importante que manteñamos a calma nisto, que tentemos desescalar», expresou o secretario de Medio, Alimentación e Asuntos Rurais de Reino Unido.
Pola súa banda Francia avanza que a partir da semana que vén, se non hai un acordo, prohibirase aos pesqueiros británicos desembarcar as súas capturas en certos portos franceses, reforzaranse os controis sanitarios e aduaneiros, haberá controis sistemáticos de seguridade nos buques e reforzaranse os rexistros aos camións con destino e procedencia do Reino Unido.