Máximas restricións en Carballo, Camariñas, Laxe, Vimianzo e Cee

1 minutes read
  • Os concellos estarán pechados perimetralmente de xeito individual desde as 12 da noite deste venres

Os alcaldes e alcaldesas dos concellos con máis restricións dentro da área sanitaria A Coruña-Cee mantiveron este xoves unha reunión telemática coa Consellería de Sanidade. Na xuntanza expuxéronse os puntos clave das novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para frear o nivel de contaxios pola Covid-19.

En total son 11 os concellos da área sanitaria mencionada que se atopan no nivel máximo de restricións: Arteixo, Cambre, Carballo, Cee, Camariñas, Laxe, Vimianzo, Cerceda, A Coruña, Culleredo e Oleiros. Con 94 casos activos confirmados este xoves e unha incidencia superior a 250 por 100.000 habitantes, o Concello de Carballo é nestes momentos o que menor incidencia ten dos 11.

Todas as medidas publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) entraron en vigor a partir da medianoite de hoxe, polo que desde este venres (incluído) as normas son as seguintes:

  • Os concellos quedan illados de xeito individual.
  • O interior da hostalería estará pechada e só se poderá atender nas terrazas ata as 18:00, aínda que segue funcionando entrega a domicilio.
  • Os establecementos de xogo estarán pechados ao público.
  • Nos centros comerciais reducirase a capacidade nas tendas ao 30 %.

No ámbito da hostalería, os establecementos poderán atender pedidos de 18.00 a 21.30 horas, e o servizo a domicilio poderá funcionar ata ás 12 da noite.

As autoridades sanitarias insistiron en que as limitacións de mobilidade “deben ser as máximas posibles” e indicaron que o establecemento de peches individuais por concellos obedece a que as denominadas “améndoas” (peches conxuntos de varios concellos) non funcionaron. Neste sentido, recalcaron que non se permite ir dun concello a outro para ningunha actividade que non sexa esencial, e que sempre debe estar debidamente xustificada.