24
Logo de que aparecera o cranio de Antonio Tuñas no lugar de Gosolfre, en Mazaricos, a Garda Civil traballa agora na busca do resto do corpo. Delimitaron unha zona á beira do río San Paio, onde este mércores houbo uns vinte axentes e dous cans rastrexando a área. O caso está baixo segredo de sumario, pero á familia xa lle foron confirmando algúns detalles. O cranio tiña unha ferida feita cun obxecto punzante. “Confirmáronme que tiña un golpe dun obxecto punzante no lado esquerdo”, di o fillo do falecido. Se non hai novidades, a previsión é que o operativo de busca siga activo varios días nesta zona. A investigación está aberta dende decembro do ano pasado, cando se lle perdeu a pista a Antonio Tuñas en Mazaricos.