Mazaricos acollerá este sábado a III edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira

2 minutes read

A terceira edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal celebrarase en Mazaricos este sábado lembrando un ano máis o falecemento do veciño Xosé Esperante, ‘Che de Pedro’, en 1963. A súa morte violenta tivo lugar no contexto da loita veciñal en defensa do monte comunal, uns enfrontamentos nos que as forzas de seguridade franquistas acabaron coa súa vida, ademais de ferir a varios veciños, algúns dos cales cumprirían penas de prisión.

Este evento renderá homenaxe e reivindicará a memoria histórica dos centos de persoas que por toda Galicia se mobilizaron en defensa do monte veciñal ante as tentativas de usurpación por parte do Estado, as máis das veces acompañadas de violencia e represión.

A xornada dará comezo ás 11h no local social de Eirón, coa apertura da xornada pola entidade organizadora, INGATECO (Instituto Galego das Terras Comunitarias) e a benvida a cargo do alcalde de Mazaricos, Juan Blanco. A continuación intervirá o profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. A súa charla levará por título “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” e versará sobre as potencialidades e ameazas para esta forma tradicional de propiedade da terra.

Ás 12h terá lugar unha homenaxe á Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que neste 2024 cumpre 25 anos, na que intervirá o seu presidente Xosé Alfredo Pereira.

Ás 13h celebrarase o punto culminante do evento, coa realización dun acto de homenaxe no monumento que no monte de Eirón lembra a Che de Pedro e a toda a veciñanza represaliada. No acto intervirán o INGATECO, o Concello de Mazaricos, a ORGACCMM e a familia de Xosé Esperante. Colocarase unha ofrenda floral no monólito e entoarase o himno de Galicia.

A organización do evento, o INGATECO, coa colaboración da ORGACCMM e do Concello de Mazaricos, volve convidar a toda a cidadanía a participar deste homenaxe, que pretende servir de restitución da memoria e reivindicación da dignidade de todas as persoas que loitaron contra a usurpación das terras comunais e pola riqueza e o futuro do mundo rural.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?