Mazaricos homenaxeou ás persoas que defenderon o seu monte veciñal

2 minutes read

Máis de medio cento de veciñas e veciños participaron este sábado na conmemoración do III Día de Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal en Eirón (Mazaricos). A xornada recolle a memoria de Xosé Esperante, Che de Pedro, veciño do municipio morto en enfrontamentos en defensa do monte veciñal durante o franquismo, e de todas as persoas que naquel día pero tamén en calquera momento e lugar de Galicia defenderon este modelo de propiedade fronte aos intentos de usurpación.

A xornada deu comezo coa apertura por parte da organización, o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), e a benvida do alcalde, Juan Blanco, quen recoñeceu o carácter emotivo desta conmemoración e da súa importancia para a posta en valor dun modo de vida como é o do rural. Tivo tamén palabras de agradecemento pola súa presenza a todas as persoas asistentes e á familia de Xosé Esperante.

Posteriormente, tivo lugar a charla “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” a cargo do profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. O poñente fixo fincapé en retos presentes e futuros deste modelo, reclamando que a visión sobre o mesmo vaia alén do punto de vista sectorial forestal, considerando o monte veciñal como un recurso para o desenvolvemento socioeconómico das comunidades rurais, destinado a usos diversos e cun marco legal que impulse a produtividade mantendo a propiedade.

Ao remate da intervención do profesor López Iglesias, foi a quenda de intervención de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que celebra 25 anos de existencia. Pereira recorreu a historia da organización e salientou como o seu nacemento foi resultado da autoorganización das propias comunidades de propietarios.

A continuación, a xornada trasladouse ao monumento a Che de Pedro nos montes de Eirón, onde se colocou unha ofrenda floral e interviñeron os seus familiares. Neste lugar, un monólito de pedra sinala dende 1998 o lugar dos feitos, e acolleu un ano máis esta homenaxe. A familia de Xosé Esperante agradeceu á organización a recuperación da memoria do acontecido.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?