Mazaricos tivo presenza este venres no Xantar, en Ourense

1 minutes read

Xantar é a única Feria Internacional de Turismo Gastronómico acreditada da Península Ibérica; xa que está recollida no calendario oficial de “Feiras Comerciais Internacionais” españolas que publicou a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo do Goberno de España no B.O.E. 312 do 29/12/2022. Xantar está a celebrar a súa 24ª edición entre o 2 e o 5 de novembro de 2023 en Ourense.

Mazaricos volveu presumir dos seus produtos típicos no salón gastronómico Xantar de Ourense que estes días celébrase na cidade das Burgas. A xornada deste venres estivo dedicada a Mazaricos, polo que houbo demostracións e degustacións que congregaron a numerosas persoas.

Unha delegación municipal encabezada polos concelleiros Jorge Villar Covas e Beatriz Alvite acudiu á feira, na que triunfaron de novo o bolo do pote e a carne á brasa. José Manuel Carreira, do asador Manduca, foi o encargado de ofrecer o showcooking de chuletón de vaca á brasa, mentres que Laura Prado e Esther Muíño, da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, encargáronse de elaborar e repartir racións do seu prato estrela, o birlo do pote, ao mesmo tempo que explicaban a popular receita, que xa aparece nos versos de Rosalía de Castro, aos curiosos.

Como principal novidade, este ano o Concello de Mazaricos acudiu a Xantar cunha gama máis ampla de produtos típicos da zona, co obxectivo de visibilizar a diversidade de sabores, texturas e aromas deste municipio. Así, as exhibicións e a degustación incluíron pratos elaborados a partir de cogomelos no asador Manduca, desde empanadas e patés, leite ou produtos cárnicos.