Mazaricos recupera, co apoio da Deputación, a casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val, pechado no 2021

1 minutes read

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, visitou este venres en Mazaricos a obra de rehabilitación da casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val, pechado no 2021. Esta actuación permitirá recuperar un espazo que permanecía en desuso e convertelo nun local social. A obra, promovida polo Concello e financiada integramente con fondos do Plan Único (POS), ascende a algo máis de 123.000 euros.

Na visita, García Rey estivo acompañada pola tamén deputada Sol Agra, e o polo alcalde da localidade, Juan José Blanco Riveiro. 

O alcalde agradeceulle á Deputación o apoio para emprender «unha obra tan necesaria» coma esta. Tamén puxo en valor a contía dos investimentos do Plan Único da Deputación no municipio, imprescindíbeis para cuestións como «o abastecemento de auga, a mellora de viais e outros servizos que dificilmente poderíamos levar adiante no día a día para un Concello das nosas dimensións».