Mc Fadden lidera ao Burgos na súa vitoria en Santiago


Por 73 a 76 vencía o San Pablo Burgos ao Monbus Obradoiro, o pasado sábado no Multiusos Fontes do Sar. O conxunto local vivía a súa particular semana “horribilis” con problemas para realizar boas sesións de adestramento. Á baixa de Muñoz por 6 semanas uníronselle xogadores tocados que tiveron que arriscar e xogar. Vasileiadis, aínda con dor, tentouno. Calloway e Magee deixaron ao carón as súas molestias e forzaron para participar. Ademais, Spires e Czerapowicz, que pasaron a mañá do sábado no hospital afectados dun virus, tamén se vestiron de curto. Por se isto fose pouco, durante o encontro, De Zeeuw sufriu unha escordadura que lle impediu participar máis.

Pintaba mal para o conxunto local que recibía a un San Pablo Burgos que se xogaba no envite a posibilidade de acceder á Copa do Rey. E cumpriu o equipo visitante, alentado por uns 200 afeccionados provenientes de terras burgalesas quen apoiou incondicionalmente. A pesar de todo, non foi suficiente, e o maremágnum de resultados deixounos fóra do torneo copeiro por 7 puntos no average. Bo partido e mala sorte no carrusel de resultados doutras canchas. A máis diso que os de Castela, contaron co hándicap negativo de xogar un día antes que moitos outros participantes na quiniela copeira, e poder estes calcular o resultado necesario de antemán. Empezaba o encontro da loita contra o bullying e no que Moncho Fernández cumpría 300 partidos ACB, cun Burgos desatado.

Anotaba con facilidade mentres que Obradoiro, que non o estaba facendo mal, caía no desánimo tras fallar tiro tras tiro nunha paupérrima selección. Pronto as vantaxes superaban os 10 puntos. Nin kravic nin Brodziansky conseguían manter o encontro vivo. Ademais, o mvp do partido, un sobresaliente Mc Fadden, poñía aos seus no camiño correcto, chegando a anotar 7 triplos e igualando o record desta disciplina nun partido dos de Burgos. 31-45 ao descanso, e todo moi costa arriba para os de Santiago.

Tras o paso por vestiarios, Sar apertaba e os composteláns tentábano. Por esforzo, e a pesar dos enormes problemas físicos, non ía quedar. Aínda así, Lima impedía que Obradoiro achegásese e Kostas, con oficio pero rengueante, non exerceu de revulsivo. As vantaxes seguían por encima dos 10 puntos, pero no último cuarto empezaron a entrar os tiros e os santiagueses apertaban o seu defensa con éxito. Triplo estratosférico de Magee con tiro adicional convertido `poñía o 71-74 a menos dun minuto do final. Recuperaba balón Obra, e cunha canastra de Daum culminaba o parcial de 18-5, poñendo o 73-74 no luminoso, máis tiro adicional. Posibilidade de empatar pero o americano fallaba o tiro libre. Falta persoal e Mc Fadden anotaba os seus correspondentes 2 tiros libres. Balón para Obradoiro e última xogada con apenas 5 segundos para tentar un triplo que leva o encontro á prórroga. Saque de banda, balón para Brodziansky e a bóla pérdese por liña de fondo tras botarlle no pé. Magnífica reacción, que case culmina en sorprendente remontada. Non puido ser.

Aínda así, os galegos nun exercicio de fe inquebrantable, e a pesar dos devastadores problemas físicos que levaron consigo ao parquet do Sar, case o logran. Burgos viu moi preto perder un partido que tivo máis que gañado, o cal dominou no marcador de principio a fin. O conxunto castelán foi un sensacional equipo que mereceu mellor sorte e meterse na Copa. Aínda que, de ter máis acerto no tiro, fose Obradoiro o que quedaría na antesala do torneo do Rei.

Próximo partido en Andorra, ante un Morabanc que si conseguiu clasificarse entre os 8 mellores para o torneo do “knock out”. Obra ten traballo na recuperación de xogadores e tratar de traer a oitava vitoria para Santiago. Comeza a segunda volta, agardamos como a primeira, repleta de emocións fortes.