Medalla de Ouro de Galicia 2021 para o persoal do dispositivo de vacinación


Alberto Núñez Feijóo, anunciou a decisión do Goberno galego de outorgar a Medalla de Ouro de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación. Logo de lembrar que en 2020 foron honrados os profesionais da sanidade galega implicados na atención aos pacientes covid-19, o presidente da Xunta incidiu en que “os profesionais que nos están axudando a saír do túnel a través da vacinación merecen un recoñecemento polo seu labor profesional, rigoroso, sistemático e certamente salientable desde o punto de vista de éxito loxístico e de organización”.

Feijóo puxo en valor o traballo dos equipos especiais de enfermaría que dirixen e coordinan o proceso; os equipos de citación, que son claves nun sistema tan complexo e novidoso; o persoal de enfermaría, de xestión e celador que organizou o sistema nos distintos puntos de vacinación; e o persoal sanitario implicado na farmacovixilancia e nos posibles efectos adversos.

A maiores, tamén salientou o labor do persoal encargado de deseñar os sistemas informáticos e dixitais para organizar a campaña de citación masiva, os sistemas de rexistro e a expedición do certificado covid; os encargados da loxística e do reparto das vacinas; os traballadores dos servizos de admisión e de resolución de incidencias; profesionais da microbioloxía e investigadores; empregados dos recintos que se usan como puntos de vacinación masiva, e persoas que colaboran na organización do proceso, como policías ou voluntarios de Protección Civil.