Medio Ambiente adxudica a reforma da contorna do campo da feira de Boimorto

Casa do Concello de Boimorto.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar por un importe de 102.189,58 euros, IVE incluído, o contrato para executar a reforma da contorna do campo da feira, no Concello de Boimorto (A Coruña). O obxectivo da obra, cun prazo de execución previsto de tres meses, é poñer en valor o campo da feira, acometendo a renovación e a mellora da contorna neste punto e tamén da Casa da Cultura, para ordenar a confluencia do tráfico rodado e peonil.

A intervención, enmarcada no chamado Plan Hurbe para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público, está cofinanciada pola Xunta e polo propio Concello, que asumen o 70% e o 30% do custo, respectivamente, en virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas partes.

A empresa adxudicataria é Excavaciones Midón, S.L. e unha vez formalizado o contrato disporá do prazo dun mes para realizar os trámites previos á acta de replanteo e poder así comezar coas obras sobre o terreo.

Concretamente, os traballos inclúen a renovación das beirarrúas e o pavimento de rodadura para dotalo doutro de formigón coloreado, e a creación dunha zona de estacionamento de vehículos de 510 m2. Tamén se realizará unha canalización soterrada da nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación de luminarias e da súa instalación eléctrica.

Así mesmo, acondicionarase o parque, situado nas proximidades do antigo Campo da Feira, para embelecer este espazo coa plantación de céspede e a colocación de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Por último, está previsto renovar o pavimento do parque infantil da Casa da Cultura e instalar unha nova rede de rego para o mantemento do seu xardín.