Medio Ambiente analiza con Coristanco posibles vías para humanizar o centro urbano


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Coristanco estudarán posibles vías de colaboración nun proxecto para humanizar o centro urbano da vila. No transcurso dunha xuntanza telemática celebrada este luns, a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Juan Carlos García trataron este e outros asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.

En concreto e con relación á mellora proposta polo alcalde, Vázquez Mejuto trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, avanzoulle que este mesmo mes convocarase unha nova orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros para actuacións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que Coristanco podería acollerse á mesma. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns a financiar actuacións municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o vindeiro exercicio.