A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anima a todos os galegos a participar un ano máis na campaña solidaria Recicla vidro por elas, unha iniciativa promovida por Ecovidrio en todo o país con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama e que ten como obxectivo recadar fondos para a loita contra esta enfermidade, que afecta cada ano a miles de persoas. En total 15 concellos galegos participan activamente na iniciativa, que este ano celebra a súa quinta edición. En concreto, os veciños de Boiro, Ferrol, Curtis, Fene, Santiago, Porto do Son, Noia, Ribeira, A Coruña, Carballo, Lugo, Celanova, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Sanxenxo xa poden depositar os seus envases nalgún dos 30 característicos iglús de cor rosa -en consonancia coa imaxe do Día Mundial do Cancro de Mama- vinilados para a ocasión co lema: Reciclar vidro e previr o cancro de mama. Dous hábitos moi saudables. Cómpre lembrar que todos os envases de vidro que se reciclen no marco desta iniciativa, traduciranse nunha doazón económica por parte de Ecovidrio á Fundación Sandra Ibarra que leva 12 anos sumando esforzos na loita contra o cancro, contribuíndo co seu labor á prevención e á investigación relacionadas con esta enfermidade.
33