Medio Ambiente anima a usar menos de 40 bolsas de plástico lixeiro non biodegradable ao ano


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, convidou ao conxunto da sociedade galega a reducir ao máximo o uso de bolsas de plástico e acadar o obxectivo de empregar menos de 40 bolsas de plástico lixeiro non biodegradable antes de 2025.

Recordou que a redución do plástico dun só uso é unha das principais eivas que recolle a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que xa está en tramitación parlamentaria e que espera que sexa unha realidade a principios do vindeiro ano.

Destacou que este tipo de materiais son produtos que demandan unha gran cantidade de enerxía para un período útil excesivamente curto e que, cando entran en contacto co ecosistema, nos mares por exemplo, producen danos e consecuencias devastadoras.

Insistiu en que o consumo actual de bolsas de plástico produce uns altos niveis de residuos dispersos que supoñen un uso ineficaz dos recursos, provocan contaminación e agravan o problema da presenza de residuos nas masas de auga, o que supón unha ameaza para os ecosistemas acuáticos. A modo de exemplo, recordou que un 80% dos residuos mariños proceden da terra e un dos residuos máis abundante nos mares é o plástico.